A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
NOVA DOAZÓN DE LIBROS PARA A BIBLIOTECA DA FUNDACIÓN:
O entrañable amigo e compañeiro Gonzalo Adrio Barreiro, que aínda segue activo ós seus 92 anos, nos fixo entrega, en nome da familia de Luís Tilve, da doazón dun lote de libros pertencentes á Biblioteca persoal de Francisco Tilve Rodríguez.
O fondo inclúe 64 libros, editados entre finais do século XIX e principios do XX, e 3 tomos encadernados con diversos exemplares das revistas: "La Revista Blanca" (anos1903 e 1904), "Revista Natura" (anos 1904 e 1905) e "Revista Socialista" (ano 1904).
Francisco Tilve Rodríguez naceu en Pontevedra en 1883, afiliouse ó PSOE en 1901, con 18 anos; ebanista de profesión, foi corresponsal de "El Socialista" e concelleiro da cidade do Lérez. Amigo de Pablo Iglesias, con quen mantivo numerosa correspondencia, algunha dela conservada no Arquivo da Fundación, realizou unha intensa actividade sindical e política, chegando a ser Secretario e Presidente da Agrupación Socialista de Pontevedra. Tralo Golpe de Estado de 1936, foi condeado a 8 anos de cárcere.
Os libros e publicacións seriadas que agora se incorporan á Biblioteca Especializada no Mundo do Traballo da Fundación, engaden, a súa antigüedade, o valor de estar rubricados de puño e letra.
Para consultar estas obras e o fondo completo da Biblioteca só teñen que picar o enlace a Rede de Bibliotecas de Galicia no apartado BIBLIOTECA.
Para saber máis sobre Francisco Tilve consulte as BIOGRAFIAS, do apartado CENTRO DOCUMENTAL.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España