A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
A Fundación asina un convenio de colaboración co Ministerio de Defensa.:
O pasado día 29 de xuño de 2011, O Secretario da Fundación Luís Tilve, Rogelio Pérez Poza, asinou, en representación da mesma, un convenio de colaboración co Ministerio de Defensa. O acto tivo lugar na sede do Ministerio, coa presenza do Secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, e de representantes da Asociación de Estudios sobre la Represión en León, entidade que tamén asinou un convenio similar.
O convenio, para a dixitalización dos xuizos sumarísimos durante a Guerra Civil e o Franquismo, non ten asignación económica, polo que os custes dos traballos correrán a cargo da Fundación, pero si servirá para axilizar os trámites e o procedemento para a dixitalización dos Consellos de Guerra abertos a membros e dirixentes do movemento obreiro galego, e particularmente daqueles pertencentes ó PSOE e á UGT, en base ós obxectivos fundacionais da nosa entidade, entre os que se destaca a recuperación da historia do movemento obreiro socialista en Galicia.
O convenio se enmarca dentro do proxecto global da Fundación que integra traballos de arquivo (recuperación e recompilación documental das organizacións UGT e PSOE, das cales xestiona o Arquivo Histórico) e investigación. Nesta última tarefa a Fundación leva traballando dende 1989, recollendo a historia destas organizacións dende a súa aparición en terras galegas. Precisamente nestas tarefas ven colaborando coa Fundación Pablo Iglesias (a través do Diccionario Biográfico del Socialismo Español) e coa Fundación Francisco Largo Caballero.
A documentación conservada no Arquivo Militar de Ferrol e, en especial, os consellos de Guerra, supoñen unha das mellores vías de información non só para estudar a "represión", senón tamén para entender e coñecer a actividade das organizacións obreiras, dado que o material documental propio desapareceu durante eses anos escuros. Os traballos de dixitalización que espera poder acometer a Fundación, sempre que se consiga financiación para os mesmos, permitirán non só a conservación da documentación, senón tamén a súa difusión de cara á investigación e ós familiares dos represaliados.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España