A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Presentación da obra "Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República":
A Galería Sargadelos de Ferrol, acolleu o pasado venres 13 de xaneiro a presentación da nova publicación da Fundación Luís Tilve, titulada "Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República", e gañadora do Premio Luís Tilve 2011 de Investigación e Divulgación Histórica.
Os seus autores, a catedrática de Xeografía e Historia, Ana Romero Masiá e o historiador Carlos Pereira Martínez, estiveron acompañados no acto de presentación polo Secretario Xeral de UGT-Ferrol, Cesáreo Fraga; o Presidente da Fundación, Xesús Mosquera; e unha moi numerosa presencia de ferroláns.
Nesta completa biografía, recóllese a vida e obra do que fora alcalde de Ferrol durante a República,  fundamental impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia dende o ámbito socialista e autor, ademáis, dunha rica creación literaria, quen, malia todo iso, e segundo verbas de Carlos Pereira no acto de presentación, “segue a ser unha figura bastante descoñecida, de feito, só en Ferrol e en Culleredo ten unha vía pública co seu nome, que non hai, por exemplo, na súa cidade natal, na Coruña”.
En referencia ao alcance e sentido que os autores lle quixeron dar a esta exhaustiva biografía, Ana Romero indicou que “nós o que tentamos é aclarar algunhas cuestións das que se dubidaba referentes á súa traxectoria vital. E logo quixemos afondar nos distintos ámbitos nos que destacou: o teatro, a política, o seu compromiso co nacionalismo, coas artes…”
Sobre a súa militancia política, os autores remarcan o feito de que estivera tan próximo a correntes ideolóxicas que naquel tempo adoitaban estar moi enfrontadas: “Nel únense tres aspectos que non son fáciles de reunir na mesma persoa: o socialismo, o republicanismo e o nacionalismo. El está cos socialistas e como tal se presenta ás eleccións municipais de 1931; é republicano na maneira de pensar e de defender un sistema político; e, desde as Irmandaes da Fala ó Estatuto de Autonomía, sempre estivo Quintanilla, tamén, co galeguismo como un valor importante. Que se dean estas circunstancias na mesma persoa, con ese carisma e co recoñecemento que se lle deu dende todos os ámbitos.Non é fácil atopar unha personalidade que reúna todo iso”.
Acabamos de asistir, en definitiva, á presentación dun traballo de investigación á altura da figura deste médico, intelectual e político que foi o primeiro alcalde republicano de Ferrol e morreu fusilado en agosto de 1936, xunto con outras catorce víctimas do franquismo, no antigo cemiterio de Canido.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España