A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Presentación do libro "As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia" en Vigo.:
A Fundación Luís Tilve presentará en Vigo a súa publicación "As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia", que terá lugar ás 20 horas na Casa do Libro de Vigo (Velázquez Moreno, 27), onde se poderá mercar exemplares do mesmo.
 
O acto contará coas intervencións de Antonio Juste Iglesias, Secretario Xeral de UGT-Vigo; Roxelio Pérez Poza, Secretario da Fundación; e o autor Emilio Garrido Moreira.
 
 No libro, o autor mergúllase na vida de Pablo Iglesias e os seus contactos e reunións cos traballadores galegos e as súas sociedades, así como a súa amizade e confluencia ideolóxica cos líderes locais do socialismo, que comezaba, entón, a configurarse en Galicia dun xeito orgánico. A través de diversas visitas realizadas polo líder socialista entre 1892 e 1915, Emilio Garrido introdúcese nos problemas que dificultan o asentamento da ideoloxía socialista e o desenvolvemento da organización nunha Galicia atrasada e conservadora, e valora especialmente o impulso que Pablo Iglesias lle dá á configuración do Partido Socialista e da UGT nas diferentes localidades e sectores laborais, en estreita colaboración cos que serán os máis fieis seguidores, a proxección da personalidade e do pensamento do dirixente socialista, así como a súa vinculación á Galicia de entre séculos, necesitada de cambios.
 
Emilio Garrido Moreira é licenciado en Historia Contemporánea pola USC. Comezou a súa labor de investigación no Colectivo de Investigación Histórico-Universitario Galicia-América, no que participou activamente na realización dos I e II encontro Galicia-América. No 2010 recibiu o "Premio Luís Tilve 2010 de Investigación e Divulgación Histórica" por este traballo. É autor das obras: 15X: a folga xeral do 2001, Víctor Fraiz: vida e asasinato dun mestre exemplar, UGT-Coruña, o fogar das esperanzas e O sindicalismo socialista en Compostela (1890-1936). Así mesmo, é coautor dos traballos: Comprometidos co presente e sementando futuro (1979-2004). 25 anos de UGT de Galicia e Historia del Regimiento de Artillería de Ferrol.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España