A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Acto de entrega dos Premios Luís Tilve 2012 en Vigo, o 26 de outubro.:
O venres 26 de outubro a Fundación Luís Tilve,fará entrega dos galardóns anuais que levan o seu nome, na que xa é a sétima edición. O acto de entrega terá lugar no Auditorio Municipal de Vigo a partir das 19:30 horas, e contará coa presenza de diversas personalidades da vida pública, social, cultural, sindical e política, tanto da cidade de Vigo como de Galicia en xeral.Entre eles estarán os membros do Xurado, composto por: Fernando González Laxe, José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza; os cales acordaron que os premiados deste ano foran os seguintes:

  - O premio Traballo Digno desta edición é outorgado a Xavier Fortes López, por dignificar a profesión de xornalista ó servizo da información veraz, plural, independente e para os cidadáns, tendo sempre en conta que a radiotelevisión pública cumpre cunha función esencial e débese ós cidadáns, e tratando de ofrecer, na súa dilatada traxectoria, a mellor información, contrastada, responsable, e exhaustiva. Con este premio recoñécese a calidade, o rigor e a independencia dun profesional que cree nos medios públicos como espazo aberto ás preocupacións sociais dos cidadáns.  

  - O premio Acción Solidaria outórgase ó Proxecto Bubisher, iniciativa xurdida da unión de ideas e esforzos, pon en marcha un autobús biblioteca que percorre os campamentos de refuxiados do Sahara coa intención de levar a cultura e a lectura a tódolos rincos. Á idea, xurdida do alumnado do Colegio San Narciso de Marín e posta en marcha pola “Asociación de escritores por el Sahara”, sumáronse este Nadal 101 bibliotecas escolares galegas e unha iniciativa de intercambio cultural organizada por bibliotecas escolares de Ferrolterra.  

  - O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu no Museo do Pobo Galego, merecedor deste recoñecemento polo seu compromiso, dende fai anos, coa investigación, conservación, divulgación, promoción e defensa da cultura galega en tódolos seus ámbitos.

  - O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou na historiadora Aurora Marco López, polo seu traballo de investigación sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega, que recolle a traxectoria destas mulleres, do monte e da chaira, que colaboraron coa Federación de Guerrillas León-Galicia nas décadas dos 50 e 60, recuperando os seus nomes para facelas visibles a nosa historia. Este traballo deu lugar tamén a un documental titulado “Silenciadas”, realizado por Pablo Ces.

Os premios consistirán nunha escultura exclusiva do artista César Lombera, na que aparecen unhas mans entrelazadas, as cales representan simbolicamente todas as actitudes que se pretenden recoñecer e o propio espírito dos Premios.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España