A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
FORO CLARIDADE: Cambio Climático. Por unha política sustentable na xestión da auga:
 

 
A Fundación Luís Tilve celebrou o xoves 25 de xaneiro de 2018, na Coruña, un novo foro de debate, nesta ocasión no Salón de Actos da Delegación Territorial da Fundación ONCE, onde diversos expertos trataron de concienciar ós asistentes dos  problemas que o cambio climático está a xerar na xestión da auga no mundo e a súa repercusión en Galicia.

O Catedrático de Química-Física da Universidade de Vigo, Juan Carlos Mejuto, que foi decano da Facultade de Ciencias de Ourense, resultou concluínte ó explicar, dunha forma moi didáctica, a través de gráficas, como dende a Revolución Industrial toda a contaminación e polución que se bota á atmosfera retorna co tempo á terra e ós seus acuíferos, xerando modificacións e alteracións climáticas que se están a traducir en fenómenos atmosféricos extremos: vai chover máis pero menos veces, os furacáns van ser máis fortes, as temperaturas tamén se volverán máis extremas e deixaremos de ter chuvascos para ter máis temporais.

Os relatores demostraron que os problemas económicos en determinadas zonas do mundo están fortemente relacionados cos problemas ambientais, corroborándose que o cambio climático ten unha forte relación coas crises e os conflitos sociais: fame e guerras civís atópanse en lugares de alto estres provocadas por alteracións de caudais debidos a unha explotación descontrolada ou a unha falta de dispoñibilidade de auga. A situación actual, de non cambiar cara unhas políticas de sustentabilidade, evolucionara, segundo os expertos, a un estado de caos internacional.

O deputado por Huesca e Portavoz de Medio Ambiente polo PSOE na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Congreso dos Deputados, Gonzalo Palacín Guarné, relator na lei que aborda os problemas xerados pola seca, que está a ser tramitada no Senado, indicou que en España cada vez chove menos pero dun xeito máis acusado, como se observa no feito de que a día de hoxe as concas de auga non estean en niveis normais, despois dun outubro sen choivas. Palacín incidiu en que a única solución real para facer fronte a esta nova situación e poñendo remedio ó uso de auga, cun consumo eficaz e intelixente. Sen embargo, o consumo diario por persoa segue descontrolado e non mellora, coa única excepción de Cataluña, onde o CAC (Consello da Auga de Cataluña) fixo, dende 2008, fortes campañas de participación, educación e sensibilización ambiental implicando ás institucións e á cidadanía.

Pola súa parte, o profesor de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade de A Coruña, Ricardo García Mira, especialista en estilos de vida sostible e economía verde en Europa, manifestou que xunto coa concienciación é moi importante tamén a recuperación de custos, tanto económicos como medioambientais, como se recolle na Directiva Marco da Auga, coa fin de cambiar a percepción do consumidor final. García Mira, quen como deputado pola Coruña é tamén Portavoz do PSOE na Comisión de Estudio del Cambio Climático e membro da Subcomisión para la sequía, expuxo os cambios e emendas que os socialistas fixeron no proxecto de lei de medidas urxentes para paliar a seca nas concas hidrográficas, de tal xeito que esta tivera unha connotación máis social e plural.

O expertos expuxeron que, non sendo das que máis consume, en Galicia tampouco se aprecian melloras, o longo do tempo, no consumo eficiente da auga por parte dos cidadáns. O embalse de Belesar, un dos máis importantes de Galicia, está no 22,73%, cando o ano pasado, nestas datas, estaba no 89,63%. Hai embalses que están case baleiros cando a estas alturas terían que estar cheos.  A seca ven para quedarse e imos a ter problemas no futuro, polo que as medidas a tomar, como as políticas sustentables, teñen que poñerse en práctica xa. E estas dificultades aínda serán máis graves se non lle poñemos remedio ó cambio climático e non poñemos freo á emisión de gases de efecto invernadoiro.

A moderación do foro estivo a cargo da investigadora do Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña, Isabel Lema Blanco, quen como experta en procesos de innovación social para a sustentabilidade, ademais de dirixir o debate, aportou numerosos casos prácticos froito da súa experiencia en primeira persoa. Tralo debate Lema abriu o mesmo ós asistentes, cunha interesante participación, na que a parlamentaria galega Patricia Vilán, asistente ó acto, manifestou a súa inquedanza porque a conca do Miño-Sil non fora incluída no paquete de axudas do goberno debido a que este considerou que en Galicia non hai seca, cando os datos aportados polos expertos amosaron o contrario, e criticou a pasividade da Xunta ante esta situación, así como a falla de participación dos axentes afectados na elaboración do plan hidrolóxico, que precisamente foi unha das advertencias da UE a España sobre as fallas no proceso.

Igualmente, alcaldes de distintas localidades de Galicia, que se achegaron ó foro, criticaron que a Xunta non fixo nada salvo establecer un canon que cualificaron de inconstitucional e cuxa recadación non reverte nos Concellos porque a Xunta o reparte de forma sectaria. Estes se queixaron de que cando en outubro houbo problemas de abastecemento, moitos concellos se ocuparon de proporcionar auga os veciños, mentres que a Xunta, a través de Augas de Galicia, se limitou a non facer nada e esperou ata decembro para preguntarlles ós concellos se tiñan problemas de auga.
  

 

 

 

 




Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España