A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Pronunciamento sobre o "Proxecto de Lei da Memoria Histórica":
A Fundación Luís Tilve, xunto a outras asociacións i entidades galegas da "Memoria Histórica", as cales conforman a INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA, fixeron un pronunciamento conxunto no que se pide que o Goberno Central inicie as accións necesarias que permitan a anulación dos consellos de guerra a que foron sometidas as vítimas do Golpe de Estado fascista, entre outras propostas.

O venres 13, ás 12 horas, no Auditorio de Galicia, a Fundación Luís Tilve, presentou en rolda de prensa, xunto a outras asociacións i entidades galegas que traballan na recuperación da "Memoria Histórica", un pronunciamento acordado por máis de 25 entidades, no que se levaba traballando dende fai uns meses, coa intención de propor melloras á lei da "Memoria Histórica" que se está a tramitar no Congreso dos deputados.

Na rolda de prensa estiveron presentes, entre outros, Guillerme Pérez Agulla pola Fundación Luís Tilve, Víctor Santidrián pola Fundación 10 de Marzo, Beatriz Gómez Amigo, pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ou Dionisio Pereira por Verbo Xido.

As entidades asinantes, ademais da Fundación Luís Tilve, son: A Fundación 10 de Marzo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, o For opola Memoria, a Comisión pola Memoria Siñor Afranio, a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, Sempre con vós: Cidadanía pola verdade de Pontevedra, a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido, a Asociación pola Memoria de O Grove, a A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto, a Sociedade Galega pola República, a Asociación Cultural O Naranxo, a Asociación Cultural A Estrada, a Asociación Cultural Manuel Ferreiro, a Asociación Canón de Pao, a Asociación Cultural Adellís, a Asociación Cultural AC abana, a Asociación Cultural O Meigallo, a Asociación Galega de Historiadores, a Asociación Cultural Barbantia, a Asociación Cultural do Galo, a Mesa pola Recuperación da Memoria de Marín, Arraianos, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Oliveira de Teo, Ferrolterra: A Nosa Memoria, Memoria Vigo 36, a Asociación Memoria Histórica 36, Murguía: revista galega de historia, a Asociación Cultural Roi Soga, a Fundación Alexandre Bóveda e a Asociación Guerra y Exilio de España, ás que se suman a título persoal diversas personalidades e historiadores, como Aurora Marco.

O texto do pronunciamento presentado é o seguinte:




PRONUNCIAMENTO SOBRE O
PROXECTO DE LEI DA MEMORIA HISTÓRICA
(A trámite no Congreso dos Deputados)



   En relación coa recuperación da Memoria Histórica, valoramos positivamente a aprobación polo Parlamento Galego o pasado 28 de decembro dunha Proposición non de Lei para a "rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas e represariadas por defenderen a legalidade democrática, as aspiracións de autogoberno de Galicia e a xustiza social". Sumámonos á petición do Parlamento Galego para que o Goberno Central inicie "as accións necesarias que permitan a anulación dos consellos de guerra a que foron sometidos".

   Entendemos que a represión da ditadura chega ata 1977 e comprende represións de todo tipo: política, sindical, social, moral, educativa, económica, etc.

   Consideramos que o citado Proxecto de Lei debería incluír os seguintes aspectos:

1. Condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal.
2. Recoñecemento explícito da resistencia antifranquista e de todas as persoas que loitaron pola liberdade.
3. Declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenza, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior ditadura.
4. Aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade, previsto no articulado do Proxecto de Lei: imprescriptibilidade, dereito a saber, dereito á xustiza, dereito á reparación.
5. Consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade.
6. Instar a todas as administracións (central, autonómica e local) para que se retiren dos espazos públicos os símbolos franquistas, dos monumentos, edificios, placas, rúas e prazas e as referencias ás persoas relacionadas coa ditadura.
7. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
8. Instar á Administración a que apoie aos familiares das vítimas da represión na busca de información, presentación de reclamacións, etc.
9. Intervención publica das distintas administracións nas labores de localizacións, identificación das fosas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación, divulgando os resultados; elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.
10. Revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais sobre o período republicano, sublevación militar fascista, ditadura e resistencia antifranquista.
11. Regulación da apoloxía do franquismo como delito e prohibición de toda exaltación do mesmo.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España