A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Inauguración do "FORO CLARIDADE":
O Foro comezou a súa andadura o mércores 27 de xuño, ás 20 horas, na Sala Sargadelos de Santiago, cunha mesa redonda que versou sobre "O dereito á vivenda" e na que participaron varios expertos na materia.

A Fundación Luís Tilve, na súa intención de tratar tódalas problemáticas e necesidades socioeconómicas do noso país, a través de tódolos medios posíbeis, abriu unha canle máis de opinión e de expresión cidadá co chamado "Foro Claridade", o cal, xurdindo da revista do propio nome, pretende achegar a un maior número de xente as temáticas que cada número da mesma vaia suxerindo.

O acto, serviu, por tanto, de presentación do novo número da revista, que nesta ocasión trata, con carácter monográfico, un tema tan de actualidade como "O dereito á vivenda", o cal converteuse nun dos maiores problemas que teñen que afrontar hoxe en día os cidadáns, sobre todo a xuventude, do noso país.

Na mesa redonda, moderada polo xornalista Valentín Tato, estiveron presentes moitas das persoas que analizan o citado problema na revista, permitindo, de esta forma, debater en público os análises que fixeron xente como Xerardo Estévez, arquitecto i ex-alcalde do Concello de Santiago de Compostela, que aportou unha visión optimista do problema dende o seu coñecemento como actor principal da transformación urbanística de Santiago nos últimos anos, converténdose na cidade con maior cantidade de zonas verdes e onde a construción adquiriu un marcado carácter social.

Outra das participantes foi Encarna Otero, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, que presentou os avances e opcións que está a aportar a Xunta de Galicia na actualidade, en especial no que respecta á subvención de vivendas de protección oficial e rehabilitación, informando de que a Consellería de Vivenda vai centrar as súas tarefas na promoción do aluguer, así como vai aumentar a inspección, prestando unha maior atención ao cumprimento dos mínimos de calidade.

Pola súa parte, Celestino García Braña, Decano do Colexio de Arquitectos, mostrou unha visión máis pesimista, centrada no feito de que a ninguén lle interesaban as calidades das construcións, senón as ganancias que estas puideran aportar. Juan Pais, Secretario de Acción Institucional de UGT-Galicia, aportou a visión sindical do problema, incidindo na urxencia de solucionar un problema que cada día vai tomando tintes máis dramáticos. E Manuel Barbeitos, economista e membro do Consello de Redacción da revista, fixo unha análise global dende o punto de vista económico, advertindo da crise que pode provocar o fin do impulso especulador e o feito de que toda a economía española dependa e xire entorno a industria do ladrillo.

Tamén estiveron presentes representantes do movemento "okupa", que aportaron a súa visión do problema, chamando a atención sobre a falta de interese polas políticas sociais, o que está a levar, segundo eles, a un aumento do abstencionismo nas eleccións. Encarna Otero, tomando a palabra, deulles a coñecer solucións como a "autoconstrución" ou a rehabilitación de pobos rurais abandoados, políticas que está levando a cabo a Consellería a través de diversos programas; e se mostrou partidaria de aumentar a carga impositiva das segundas e terceiras vivendas, de tal forma que quen máis vivendas teña máis pague, co fin de evitar o gran número de casas baleiras que se atopan en Galicia, froito da especulación e da inversión estranxeira, que non acaban de entrar no mercado, fundamentalmente, de aluguer.

Tódolos participantes recoñeceron a multiplicidade de factores que causan o problema, así como a dificultade que entraña a súa solución, que pasa inescusabelmente por políticas e medidas que han de ser levadas a cabo pola Administración, único actor que pode favorecer un cambio de rumbo e atallar o problema.  




Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España