A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Xornadas "El socialismo español hasta 1939. Balance historiográfico y perspectivas de investigación":

Entre os días 2 e 4 de xullo tivo lugar na Universidade de Alcalá de Henares un curso organizado pola Fundación Pablo Iglesias para tratar a historia do socialismo e a súa investigación, que contou coa colaboración da Fundación Luís Tilve.


A Fundación Luís Tilve, seguindo coas súas labores de recuperación e investigación da historia do movemento obreiro en Galicia, colaborou coa Fundación Pablo Iglesias nun curso impartido na Universidade de Alcalá de Henares sobre o socialismo e a metodoloxía investigadora a seguir para o seu estudio.

O encontro tamén serviu para levar a cabo uns seminarios encamiñados a marcar as pautas de investigación para a producción dun diccionario biográfico dos socialistas españois ata o ano 1939, no que tamén colabora a Fundación Luís Tilve, xunto a historiadores de tódalas comunidades autónomas.

No curso interviñeron historiadores de recoñecido prestixio como: Santiago Castillo, que falou dos orixes do socialismo; Aurelio Martín Najera, que tratou o tema das casas do pobo; Enrique Moral Sandoval, que explicou a labor do PSOE na crise da "Restauración"; Rosa Mª Capel Martínez, que mostrou o papel das mulleres socialistas; Santos Juliá, que expuxo a labor lexislativa e de goberno do socialismo na República; Pedro Barruso e Roxelio Pérez Poza, secretario da Fundación, que fixeron unha análise de dous casos rexionais como o vasco e o galego; Julio Arostegui, que fixo un balance da importancia dos socialistas na defensa da República durante a Guerra Civil; e Francisco de Luís, que comentou as manifestacións culturais do socialismo e a importancia que estes lle daban a cultura e a educación da clase obreira para mellorar o seu futuro, apartando aos obreiros das tabernas, que afogaban o seu intelecto. Finalmente cerrou o curso Luís Gómez Llorente, histórico dirixente do PSOE e da UGT, quen falou da ética socialista que representaba o "pablismo".

As conferencias, de gran calado analítico, resultaron fundamentais para a comprensión da historia do socialismo, aportando unha gran cantidade de datos históricos; así Francisco de Luís, xunto a Aurelio Martínez Najera, destacaron a importancia das casas do pobo, que ofrecían os únicos servizos sociais que tiñan daquela as clases traballadoras, tales como: escolas para nenos, educación de adultos, farmacias, asistencia sanitaria, formación musical e teatral, formación de cadros sindicais, fomento del deporte, bibliotecas, cooperativas de casas baratas, asistencia ás familias durante as folgas, etc. En fin un gran cooperativismo entre a familia obreira, apoiándose en todo momento como se foran un único ente. Conta tamén De Luís, que a FETE, por aquel entón, tiña como prioridade mellorar a educación pública, empezando porque pasaran a oposición tódolos profesores.

O Dr. Arostegui, pola contra, expuxo a destacada labor da UGT no comezo da Guerra Civil, impoñéndose no PSOE a visión de Largo Caballero, máis sindical. Precisamente, Arostegui, que está a preparar unha biografía de Largo Caballero, dixo que había que recuperar a imaxe deste dirixente, mostrado sempre como radical e culpábel, cando a súa labor, farto complexa, tivo máis acertos que desacertos e non comeza coa guerra, senón que ven de moito máis atrás, sendo o artífice das grandes políticas sociolaborais. Tamén destacou que os grandes perdedores da Guerra foron os anarquistas e os republicanos, que case desapareceron co final da contenda.

Santos Juliá, pola súa parte, resaltou a aposta dos socialistas polas políticas de pactos e as accións pacíficas, nun intento de asentar a República, como primeiro paso para a conquista final da clase obreira.

Na intervención de Rosa Mª Capel, esta incidiu na importancia que os socialistas lle daban as mulleres, xa que como nais eran as primeiras educadoras da clase obreira; de aí que Pablo Iglesias dixera que había que acabar coa sociedade burguesa para liberar á muller, cuxo papel, por aquel entón, era o de escrava, razón pola que había que conseguir leis que fomentaran o traballo feminino.

Finalmente, o discurso de Gómez Llorente, resultou ser o máis intenso i emotivo, destacando a autenticidade daqueles homes, que traballaban como grupo conxunto, non resaltando nunca en ningún cartel a figura individual, de aí a U de UGT, que significa a unión de tódolos traballadores, pertenzan a un ou outro oficio. Tamén indicou as características nas que se fundamentaba aquel socialismo: pacifismo, racionalizando sempre a rebeldía e conseguindo máis coa súa labor constructiva que outros dende unha acción destructiva; metodismo, cumprimentando sempre as actas e tendo coidado da súa documentación; compañeirismo e camaradería, sempre respectando aos compañeiros, usando o diálogo e aceptando as decisións maioritarias como se foxe a propia; gradualismo, avanzar paso a paso; ideoloxización, os grandes líderes son grandes escritores, de largos discursos nos que teñen que inventar unha realidade que non hai, ao contrario que os discursos de dereitas, breves, pois a súa realidade é a que hai; igualdade, que significa acabar coa posibilidade de facerse obedecer por parte dos patróns; traballo, xa que a auga que discorre libre non ten valor mentres que a auga dirixida polo home mediante o seu traballo si adquire valor, hai que devolverlle a clase traballadora o seu orgullo, pois o resultado do seu traballo é o que lle da valor o conseguido, do que logo alardean os patróns; paixón pola educación, destacando o labor dos mestres; idealismo, a ideoloxía sempre por diante; espírito societario, sempre oposto ao individualismo, imposto polo capitalismo e co que este consegue dividir aos traballadores enfrontándoos; defensa das liberdades, incluídas as relixiosas; e finalmente a súa autenticidade.        



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España