A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Homenaxe a Jose Luis Rodriguez Pardo:
A Fundación Luís Tilve, coa colaboración das executivas galegas do PSdeG-PSOE e da UGT de Galicia, celebrou, o 10 de novembro, no Paraninfo da Universidade de A Coruña, unha homenaxe a José Luís Rodríguez Pardo, avogado coruñés e veterano socialista, que foi un dos fundadores do PSG e dos artífices da fusión de este co PSOE, así como un dos integrantes do Grupo dos 16, que redactaron o Estatuto de Galicia.

O acto, presentado por Xaime Barreiro Gil, iniciouse ás 11:30 horas, mediante as verbas de Xesús Mosquera Sueiro, Presidente da Fundación Luís Tilve, Carlos González Garcés, Tenente de Alcalde de Relacións Institucionais do Concello de A Coruña, e José Carrillo, Secretario Xeral de UGT-Coruña.



A continuación interviñeron diversas personalidades e amigos do homenaxeado, que fixeron referencia aos anos de loita política na procura da consecución da democracia, así como a discreción e dispoñibilidade continua de José Luís. Falaron: Carlos Etcheverría Vázquez, Presidente do Ateneo Republicano de Galicia; Xosé Luís Franco Grande, membro Numerario da Real Academia Galega; Enrique Teixeiro Sanjuan, exsindicalista de UGT-Metal i exsenador; Rafael Pillado Lista, militante de Bazán e Directivo de "Fuco Buxán"; Anxo Guerreiro Carreira, analista político, quen afirmou que José Luís "fixo sempre compatíbel ser socialista e galeguista, o que non foi sinxelo"; Ceferino Díaz Díaz, Deputado nas Cortes Xerais; e Fernando González Laxe, expresidente da Xunta de Galicia, quen recordou que el era un dos "chicos do spray que golpeábamos na porta do seu despacho".



Tralas intervencións, proxectouse un breve documental que recollía algúns dos momentos máis destacados da carreira de José Luís Rodríguez Pardo, para dar paso, a continuación a clausura do acto, coas sinaladas intervencións de Dolores Villarino Santiago, Presidenta do Parlamento de Galicia; José Antonio Gómez Gómez, Secretario Xeral de UGT-Galicia; Emilio Pérez Touriño, Presidente da Xunta de Galicia, e como non, José Luís Rodríguez Pardo, todos eles acompañados polo Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.



O Presidente da Xunta, na súa intervención, destacou que "nada sería posíbel" sen a aportación de figuras como a de Rodríguez Pardo, e o calificou como "un dos políticos máis importantes de Galicia nas tres últimas décadas", xa que foi deputado no Congreso, senador e parlamentario galego. "Homes como el fan grande un partido, un país e as súas institucións", remarcou Touriño.

Pola súa parte, o homenaxeado lembrou a importancia de manter como ideais vitais o respecto á democracia, e destacou, confirmando a súa modestia e figura de home tranquilo e pouco visíbel, que a homenaxe non era para el, senón que a consideraba unha "autohomenaxe a todos cantos estiveron xunto a min ao largo do tempo", unha homenaxe colectiva.



Á homenaxe asistiron diversas personalidades do mundo político, sindical e asociativo, tanto antigos compañeiros de Rodríguez Pardo, como actuais dirixentes, que quixeron, coa súa presenza, arroupar a un dos veteranos membros do socialismo galego, recoñecendo unha labor e unha proxección de firmeza e idealismo político. Entre os asistentes atopábanse, entre outros, José Luís Méndez Romeu, Ismael Rego, Rosa Arcos Caamaño, Manuel Ameijeiras, Carlos González Garcés, José María Barja, Carlos Bellas, Roxelio Pérez, Francisco Cerviño, Xaime Barreiro, Irene Martínez Conde, Obdulia Taboadela, Mar Barcón, Carlos Pajares, Antolín Sánchez Presedo, Antonio Rodríguez, Carmen Brea, Francisco Sineiro, Xan Cornide, Xulio Pardellas, José Pose, Juan Pais, Pilar Pin, Bernabé García, José Benito Núñez, Angel Teijeiro, Manuel Rodríguez, Manuel Monge, Manuel Villares, Xan María Castro, etc. José Luís estivo, a súa vez arroupado por membros da súa familia, tales como a súa muller e compañeira de fatigas, María Elena López Prado.



Unha vez rematado o acto, celebrouse un XANTAR DE CONFRATERNIDADE co homenaxeado, no Restaurante do Hotel Cidade da Coruña.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España