A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Homenaxe a Antonio Blanco Solla:
O día 31 de decembro de 2007 tivo lugar, no peirao de Marín, unha homenaxe, como se ven facendo nos últimos anos, ó alcalde de Marín e os traballadores da localidade fusilados o día 31 de decembro de 1936.

A homenaxe foi organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín e presentada por Enriqueta Otero Farto, filla dun represaliado. A continuación os familiares presentes depositaron un ramo de flores baixo a placa conmemorativa e leron os nomes dos fusilados:

Antonio Blanco Solla, alcalde de Marín, socialista. Mestre de obras.
Santiago Ramos Ramos - Presidente da Sociedade de canteiros. Membro do comité de defensa da República.
Bernardino de la Torre Fernández - Empregado no Concello. Membro do Comité de defensa da República.
Albino Agraso Santamaría
Demetrio Lorenzo Ordóñez, afiliado á Sociedade Mariñeira.
Amando Iglesias Pérez - Presidente da Sociedade Mariñeira.

A Fundación Luís Tilve non quixo faltar, como noutras ocasións ao acto, ao que acudíu Roxelio Pérez Poza, Secretario da Fundación Luís Tilve, quen se referiu á importancia que ten o feito de lembrar a quen loitou pola liberdade e na defensa da legalidade democrática e de que ano tras ano se manteña o recordo vivo de feitos que non se poden volver a producir. Baste como ilustración desa necesidade que o terror creado polo franquismo sobreviviu ó propio réxime, por canto nin os mesmos familiares se atrevían ata hai moi pouco a reivindicar a lembranza dos demócratas fusilados da súa familia.

Houbo que esperar ó 2007 para que fora consensuada no Parlamento a Lei de Memoria Histórica, que supón un recoñecemento a quen por motivos políticos ou ideolóxicos padeceu morte, prisión traballos forzosos ou exilio e ós que loitaron pola democracia, o recoñecemento da súa memoria persoal e familiar, o establecemento do carácter inxusto de tódalas accións por razóns políticas e ideolóxicas na guerra civil e na ditadura, a ilexitimidade dos tribunais, que actuaron sen ningunha garantía, a privación de toda vixencia ás normas xurídicas do franquismo e a prohibición da súa invocación, a colaboración da Administración na recuperación dos restos dos desaparecidos e a supresión de símbolos e monumentos franquistas, así como o establecemento de indemnizacións a favor dos familiares das vítimas da guerra civil de do franquismo.

A intervención de Roxelio Pérez concluíu coa lembranza das derradeiras verbas de Enrique Heraclio Botana, un dos máis importantes líderes do socialismo e de UGT en Galicia,: "Guardad las actas de nuestro proceso. Algún día será revisado y el mundo entero conocerá el crimen que con nosotros se comete".

A lectura dun poema por Xulio Pardellas de Blas e o himno galego puxeron fin ó acto.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España