A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
XORNADA SINDICAL - A CORUÑA- SETEMBRO 2008:
Con unha conferencia de Fernando González Laxe, e as palabras do Presidente da Deputación Provincial de A Coruña Salvador Fernández Moreda, clausurábase a "Xornada Sindical" que organizada pola Federación coruñesa de MCA-UGT,  coa colaboración da Fundación Luís Tilve e o Concello de A Coruña, tivo lugar no Forum Metropolitano da cidade herculina o pasado 19 de setembro.

Comezou a xornada coa inauguración da Exposición Fotográfica "A Coruña no Tempo" que presidiu o Alcalde, Javier Losada de Azpiazu, acompañado dos secretarios xerais da comarca e de MCA da Coruña José Carrillo e Roberto Teixido respectivamente, así como do Presidente da Fundación Luís Tilve Xesús Mosquera. O acto contou  coa presencia do Subdelegado do Goberno José Manuel Pose Mesura, do Rector da Universidade de A Coruña José María Barja Pérez, do Director Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia Carlos Domenech de Aspe, e do veterano e prestixioso fotógrafo coruñés Alberto Martí Villardefrancos. A representación sindical foi moi ampla, destacando a do Secretario Xeral adxunto de MCA-UGT José Manuel Suárez González, e a do Secretario Xeral desta Federación en Galicia Manuel García González, xunto a numerosos cadros procedentes de outras localidades de Galicia.

Xa no inicio dos traballos da Xornada, e tralas palabras de saúdo, benvida e referencias os temas a tratar efectuadas por José Carrillo e Manuel González, o Alcalde Javier Losada agradeceu a iniciativa de MCA para realizar esta xornada, e fixo referencia ó compromiso do Concello para conseguir a instalación da nova Fábrica de Santa Bárbara na Coruña, ó tempo que anunciaba un incremento da inversión en infraestructuras.

Roberto Teijido Corral, na súa presentación xeral do acto referiuse á xestación e ós preparativos de mesmo, agradecendo as colaboracións e axudas recibidas, destacando  a de Alberto Martí Villardefrancos  que permitiu realizar a exposición fotográfica. Fixo mención igualmente a necesidade de que o sindicato amplíe o seu horizonte tratando cuestións como as que está previsto abordar nesta xornada, para logo presentar ós intervenientes da primeira Mesa.

Ana Romero Masiá, Catedrática de Historia, e autora entre outros de diferentes libros e artigos sobre actividades laborais,  industriais e sindicais, fixo unha amena exposición acompañada de fotografías da época, sobre os oficios, as condicións de traballo, as principais reivindicacións, as formas asociativas, as loitas e as conquistas das clases traballadores ó longo do século XIX ate o primeiro tercio do século XX, con particular énfases no traballo das mulleres. Pola súa parte Xesús Mosquera, Presidente da Fundación Luís Tilve, referiuse ás características do sindicalismo durante o período da dictadura, ó papel dos sindicatos no período da transición democrática, a súa contribución á reforma das estructuras políticas e económicas,  e ó establecemento do novo marco de relacións laborais ate o momento actual con novos escenarios, problemas e desafíos.
A segunda Mesa, que moderou Jesús García Vázquez, tratou do tempo presente, co título de "A comarca coruñesa no contexto económico actual". Interveu en primeiro lugar o periodista e escritor Julián Rodríguez Moscoso, quen fixo mención a candentes feitos de actualidade como son tódolos relacionados coa "economía do ladrillo", a súa relación con importantes movementos financeiros do sector enerxético, a os temores fundados de cara o futuro inmediato que considerou lonxe de verse despexados. Particularmente documentada foi a súa referencia a Martinsa-Fadesa e o alcance das súas consecuencias. O economista Manuel Barbeitos Alcántara referiuse os condicionantes que pesan xa non sobre a economía da comarca coruñesa, senón da galega e española. Despois de situar a orixe da crise nos Estados Unidos, foi particularmente crítico coa política financeira, e social, da Comisión Europea e do Banco Central Europeo, reclamando unha urxente regulación dos mercados financeiros, así como a baixada dos tipos de interese so pena de entrar nunha recesión económica de consecuencias moi graves.

José Carrillo fixo a presentación de Fernando González Laxe que pechou a xornada con unha brillantísima conferencia sobre "O Potencial Marítimo da Coruña", na que despois de sinalar que a Coruña ten no mar a súa orixe, e sen el non pode entenderse a  dinámica económica da cidade, fixo unha pormenorizada descrición da situación do porto coruñés e dos portos galegos no contexto internacional, para concluír con diversas reflexións sobre o futuro inmediato entre as que destaca a esixencia dunha cada vez máis estreita colaboración e coordinación entre os portos de A Coruña e Ferrol.

Na clausura interveu en primeiro lugar José Manuel Suárez, secretario adxunto a Secretaria Xeral de MCA-UGT quen fixo un resumo dos temas tratados e animou ó sindicato a continuar con iniciativas como esta.  O Presidente da Deputación de A Coruña Salvador Fernández Moreda referiuse ó deber dos políticos de dicir a verdade e facer aquelas propostas que se consideran racionais, aínda a risco aparente de pagar un prezo electoral.  Referiuse igualmente á crise económica avogando por unha nova política financeira europea.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España