A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
MESA REDONDA "POBREZA E EXCLUSIÓN SOCIAL":
Foro Claridade: Pobreza e exclusión social, en Pontevedra

O mércores 1 de outubro do 2008, ás 20 horas, no Centro Cultural de Caixa Galicia de Pontevedra, punto de encontro xa habitual nas actividades que leva a cabo a Fundación na capital pontevedresa, celebrouse unha nova mesa redonda do Foro Claridade que tratou a problemática: "Pobreza e exclusión social".

Entre as temáticas de actualidade que pretende abordar a Fundación Luís Tilve, encóntrase o da pobreza e a exclusión social, que aínda que pareza algo afastado da nosa realidade, está moi presente como demostran as derradeiras estatísticas feitas en Galicia, as cales descobren un índice de pobres a ter moi conta, así como dúas pobrezas moi distintas entre si, a rural e a urbana. Precisamente a primeira delas pasa desapercibida, xa que o traballo no campo axuda a paliar os problemas da fame e de subsistencia, pero ocultan ingresos por debaixo dos 300 € en moitos núcleos familiares. Polo outro lado estaría un pobreza urbana máis relacionada coa exclusión social, vagabundos, drogadictos, etc. Coa intención de tratar todos estes asuntos e aportar aos asistentes unha visión directa do mesmo, contouse coa participación de Margarita Castejón, concelleira delegada da area de benestar social, educación e vivenda do Concello de Pontevedra, quen prantexou os principais problemas que se atopan na cidade en relación coa exclusión social, así como as medidas que estaba tomando ao respecto o goberno municipal, prestando especial atención ao colectivo xitano. Tamén estiveron presentes Silvia Fernández Fuentes e María López Correa, técnicas de Érguete-integración, que expuseron os medios a través dos cales dito colectivo está afrontando o problema da exclusión social de colectivos como o de toxicómanos, o de exreclusos, ou o da prostitución, buscando a maneira de reintegralos á sociedade mediante programas de inserción laboral (plans de formación, programa incorpora, ciber emprego, empresas de inserción laboral, programas de migrantes, e un longo etcétera que perseguen evitar as trabas que estes colectivos teñen á hora da súa reinserción). Unha vez tratadas as problemáticas e solucións da situación galega, a través da visión da administración e dunha entidade cidadán, tomou a palabra a avogada francesa  Claire Trichot, Presidenta da asociación "Cen por Cen Mamá" -na súa tradución ao galego-, unha ONG que proporciona toda a axuda necesaria a un colectivo repudiado ou esquecido en Marrocos, como é o das nais solteiras en estado de xestación, así como aos nenos abandonados na rúa. Tras este exemplo foráneo, falou Manuel Barbeitos, economista e membro do Consello de redacción de "Claridade", quen aportou un contexto xeral da problemática tratada, dando a continuación paso a un debate entre os poñentes e os asistentes. Cerrou o acto Roxelio Pérez Poza, Secretario da Fundación.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España