A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Presentación dun Libro sobre a Historia do asociacionismo pontevedrés:
A Fundación Luís Tilve editou o libro "Apuntes para a historia do asociacionismo pontevedrés 1882-1936" realizado pola historiadora Natalia Fraguas Fernández. Esta publicación é unha recopilación documental a través da prensa local e material de arquivo dos movementos asociacionistas de Pontevedra e a súa comarca dende 1882 ata o comezo da Guerra Civll Española. A presentación do mesmo se levou a cabo o martes 14 de abril, con motivo do aniversario da II República, no salón de conferencias de Sargadelos en Pontevedra. No acto participaron, ademáis da autora, que explicou as claves da investigación e as fontes utilizadas que deron lugar ao estudio; o prologuista da obra, Roxelio Pérez Poza, quen fixo un resumen do que foi a historia do asociacionismo en Pontevedra, especialmente do movemento obreiro socialista; o Presidente da Fundación; Juan Pais, Secretario de Acción Institucional de UGT-Galicia, que disculpou a imposibilidade de poder asistir de José Antonio Gómez Gómez, Secretario Xeral do citado sindicato, pero que facía chegar as congratulacións do mesmo pola publicación dunha nova obra que axude a afondar cada día máis na recuperación da historia do movemento obreiro en Galicia, e especialmente nunha comarca tan significativa para a UGT como a de Pontevedra; e o Secretario de UGT-Pontevedra, Ramón Vidal Trillo, quen rememorou a historia que ten o sindicato na cidade do Lérez e como naceu o proxecto froito da iniciativa da UGT pontevedresa. Ao acto, asistiron familiares de persoeiros destacados do asociacionismo pontevedrés, así como membros do socialismo actual na cidade.  


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España