A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Homenaxe a Manuel Suárez, último alcalde republicano de Ourense:
O vindeiro 27 de xullo, luns, terá lugar no concello de Ourense un acto de homenaxe ao último alcalde republicano desta localidade, o socialista Manuel Suárez Castro, quen foi fusilado no ano 1937 por ser un dos líderes provinciais do sindicato UGT e pola súa oposición ao alzamento militar franquista.

A homenaxe, organizada polo Concello de Ourense, dará comezo ás 12 horas, no Salón Nobre do Concello, cun acto solemne. Ás 13:30 horas, procederase ao descubrimento dunha praca que dará nome á Escola de Artes Escénicas (Rúa da Canle, s/n). Este acto contará cunha representación teatral, a lectura da carta póstuma que deixou Suárez, que correrá a cargo do Director de cine José Luís Cuerda e a entrega dun presente, en conmemoración, por parte da Fundación Luís Tilve. A continuación intervirán a filla de Manuel Suárez, Dolores Suárez, e o Alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez.

A Fundación Luís Tilve colabora nesta homenaxe poñendo a disposición do Concello o arquivo documental de UGT-Galicia e aportando datos, froito das investigacións que están levando a cabo na provincia os historiadores Javier Quintas Ferreño e Marta Longueira Buceta, do equipo de investigadores da Fundación.
  
Un pouco de historia:

Manuel Suárez Castro
Líder obreiro de Ourense.
Ourense, 6.X.1890 - Ourense, 27.IX.1937.

Canteiro e logo Mestre de obras. Era fillo de José Suárez Rodríguez e Ramona Castro Pardo, é probablemente a figura máis notable da UGT en Ourense. Pese a nacer no seo dunha familia modesta, foi un gran autodidacta, influído por Pablo Iglesias, quen lle incidira na necesidade de que adquirira un bo nivel cultural para poder desempeñar eficazmente a súa labor sindical en beneficio da clase obreira. En 1913 milita xa nas Juventudes Socialistas de Ourense e é membro do "Centro de Sociedades Obreras". Corresponsal de El Socialista, mantén unha nutrida correspondencia, unhas 60 cartas, con Pablo Iglesias, quen o aconsella en todo momento; de aí a súa moderación política, podendo considerárselle "pablista" ou "prietista".  

As folgas obreiras de 1917 o levan a prisión ata febreiro de 1918, acusado de incitador e organizador das mesmas dende as sociedades ugetistas, intercedendo por él o propio Pablo Iglesias dende Madrid. Dende a súa labor sindical incidiu positivamente na sindicación ou asociacionismo dos traballadores ourensáns, tanto agrarios como obreiros, colaborando na constitución de moitas Sociedades e divulgando os ideais da UGT a través da prensa e campañas de propaganda por toda a provincia, de tal xeito que UGT pasa de ter uns 334 afiliados en 1918 a ter 963 en 1922.

Trala disolución da Agrupación Socialista de Ourense, froito da escisión de 1921, Pablo Iglesias apremia a Suárez para que reorganice a Agrupación, tarefa que acada en agosto de 1922, xa como líder do PSOE local, así como da Sociedad de Canteros. Elixido concelleiro nas derradeiras eleccións antes da ditadura de Primo de Rivera, ocupará un posto no Consejo de Trabajo e na Junta Provincial de Abastos. En 1930, tralo paréntese autoritario, é novamente designado concelleiro pola Casa del Pueblo.

En 1931 asiste como delegado, en representación de Galicia, aos plenos nacionais do PSOE e a UGT (UGT tiña un Delegado Regional de Galicia no Comité Nacional, equivalente ao Confederal actual, elixido polas seccións en consulta promovida pola Comisión Executiva). O delegado habitual por Galicia a estes Comités era Botana, sendo Manuel Suárez o suplente, razón pola cal acudiu en varias ocasións ás reunións que tiñan lugar en Madrid. Ese mesmo ano, tralas eleccións municipais, é elixido Primeiro Tenente de Alcalde, formando parte das Comisións Permanentes de Facenda, Policía Urbana e Policía de Abastecementos, así como Presidente da Junta de Solares e vocal da Junta Local de Primera Enseñanza. Dende este último cargo prestaría especial interese en contribuír á formación da clase traballadora, que consideraba fundamental para a emancipación da mesma.

O 6 de maio tomará posesión do seu escano como Deputado Provincial e Vicepresidente da citada Corporación, formando parte das comisións de Facenda, da Junta Provincial de Transportes, representante en poxas e concursos, suplente da Xestora para a Construción da Leprosería, deputado visitador do Hospital e representante na Junta Provincial de Beneficencia. Dende estes cargos desenvolveu unha fonda labor social baseada na modernización das infraestruturas, o saneamento das principais rúas da cidade, a mellora na calidade de atención dos servizos médicos do Hospital, coa achega de medios materiais e persoais, ou o impulso da Escola de Artes e Oficios.

O 17 de outubro de 1931, en Monforte, exerce como Presidente do Congreso Extraordinario de Colectividades Socialistas de Galicia. Impulsor da construción da Casa del Pueblo e da actual Praza de Abastos de Ourense, tamén foi fundador da Caja de Ahorros Provincial de Orense (en 1932). En 1934, a folga revolucionaria provoca o seu desterro da cidade, ata que, tralas eleccións de 1936, é reposto no seu cargo, ocupando a alcaldía en funcións. Ese mesmo ano, durante o alzamento militar, forma, cos representantes do Frente Popular, o Comité de Defensa de la República. Tomada a cidade polos militares, permanece como alcalde durante tres días, ata que os falanxistas o van a buscar, momento no que logra fuxir. Escondido durante case sete meses, é finalmente detido e executado por delito de rebelión militar tras consello de guerra (sumario 598/1936).  


Fontes documentais e bibliográficas:

Arquivo da Fundación Luís Tilve (Fondo Familia Suárez Bretaña)
Arquivo Militar de Ferrol
Arquivo Municipal de Ourense
Arquivo Deputación Provincial de Ourense

Xornal La Lucha de Ourense
Prada Rodríguez, Julio: De la agitación republicana a la agitación franquista, Ourense 1934-1939. Barcelona : Ariel, 2006.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España