A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Presentación del libro "Ricardo Pérez Medín. Memorias":
ACTO DE PRESENTACION DO LIBRO

"MEMORIAS. RICARDO PEREZ  MEDIN"

O Sábado día 27 de febreiro, ás 12 horas, no "Centro Social A Rúa" de Miño (A Coruña), tivo lugar o acto de presentación do libro: MEMORIAS. RICARDO PEREZ MEDIN, que contou coa presenza dun amplo número de persoas que encheron o Centro Social, e entre os que estaban destacados actores da vida política, social e cultural, como Antolín Sánchez Presedo, Francisco Cerviño, os presidentes da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Fundación  10 de marzo, ou a executiva da Agrupación Socialista de Miño, entre outros.

No acto, presidido polo Presidente da Fundación Luís Tilve, Xesús Mosquera, que agradeceu a colaboración de todas as persoas que fixeron posible a publicación da obra, tamén interviron: Catalina Morado, Secretaria de Organización da Agrupación Socialista de Miño, ou a sobriña de Ricardo Pérez Medín, Francisca, quen agradeceu o acto e recordou ao seu tío. Os historiadores Rosa María López González e Xoán Xosé García López, que contextualizaron o texto, facendo unha introducción á época e recompilando diverso material documental, entre o que cabe destacar diversas entrevistas a persoas que viviron os sucesos que se narran, tamén tiveron verbas de recordo para Ricardo Pérez Medín, valorando o papel que a vida deste xogou na historia de Miño e o que supuxo para os seus conveciños.

Ricardo Pérez Medín naceu en 1908, na localidade de Miño (A Coruña), falecendo en Panamá, en Agosto do ano 2009, á idade de 101 anos. Foi un dos fundadores da UGT e da Agrupación Socialista de Miño en 1931, sendo elixido Alcalde desta vila en 1936. Tralo golpe militar conseguiu fuxir nunha pequena lancha pesqueira, de nome "La Golondrina", xunto coa súa muller e outros nove compañeiros. Partindo do porto de Miño, conseguirían chegar a Burdeos, atravesar Francia, e reincorporarse ás forzas da República en Valencia e Cataluña, de onde retornaría a Francia para emprender o longo exilio en terras americanas.
Volvería a Miño  31 anos despois da súa fuxida, no ano 1968, sendo dende entón un visitante regular tódolos anos, contribuíndo á reconstrución do Partido Socialista na localidade coa chegada da democracia. A Agrupación Socialista de Miño leva hoxe o seu nome.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España