A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Outorgados os Premios Luís Tilve 2010:

O día 4 de xuño de 2010, reunido no pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña), o xurado dos premios Luís Tilve 2010, acordou, ó remate das súas deliberacións, facer público as persoas e entidades premiadas na edición deste ano.  

O premio "TRABALLO DIGNO" desta edición é outorgado á Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA), polo seu trabado  en prol de melloras nas condicións de traballo dos mariñeiros/as, a través de actividades no campo da prevención (guías, congresos, xornadas, actividades, cursos de formación, etc).

O premio"ACCIÓN SOLIDARIA" desta edición outórgase ó Xuíz  Don Baltasar Garzón, polo seu compromiso coa "xustiza universal" no contexto dun mundo onde, cada vez máis, se globaliza a economía e a política, pero moito menos os dereitos humanos e a xustiza. Asemade pola súa sensibilidade e compromiso coas víctimas do narcotráfico, de terrorismo e das dictaduras, así coma a súa loita contra a corrupción na economía e na política, e o seu empeño en dar reparación ás familias das víctimas da represión e da dictadura franquista en España.

O premio "DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS" recaeu no Programa de educación medioambiental, VOZ NATURA, polo seu traballo de educación medioambiental ao longo dos últimos trece anos, con particular éxito entre a comunidade escolar de Galicia, co obxectivo de protexer e conservar o noso entorno natural, consolidar a educación ambiental nos centros escolares Galegos e dende aí, estendelo ás familias, os concellos e as entidades públicas e privadas, levando a cabo, ao longo deste período, preto de mil quinientos proxectos, nos que se implicou a máis de douscentos mil  alumnos.

O premio "INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA" recalou no historiador Emilio Garrido Moreira, polo seu traballo de investigación "Pablo Iglesias e os seus amigos Galegos. Compartindo ilusións cos seus paisanos" que aborda o papel  desempeñado por Pablo Iglesias no nacemento e posta en marcha das primeiras organizacións socialistas galegas, entre os anos 1892 e 1925.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España