A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Entrega dos Premios Luís Tilve en Pontevedra o 3 de decembro:
O próximo venres 3 de decembro, ás 19 horas, no Teatro Principal de Pontevedra, terá lugar o acto de entrega dos Premios Luís Tilve 2010, na que xa é a súa quinta edición.

O Xurado dos Premios, que estará tamén presente no acto de entrega, está composto por: Fernando González Laxe, Carmen Avendaño Otero, Salvador Fernández Moreda, Rosalía Mera Goyenechea, José Antonio Gómez Gómez, Tareixa Navaza González, María Xosé Rodríguez Galdo, Álvaro Ansias Bacelar e Roxelio Pérez Poza.

O Premio non ten dotación económica, e consiste nunha figura en bronce na que están representadas, a través de dúas mans enlazadas, tódalas accións premiadas. A obra é unha creación artística do escultor Cesar Lombera, exclusiva para estes premios.

Os galardoados da edición do 2010 serán:

- Premio ACCION SOLIDARIA: Outorgado ó Xuíz Baltasar Garzón Real, polo seu compromiso coa "Xustiza Universal" no contexto dun mundo onde, cada vez máis, se globaliza a economía e a política, pero moito menos os dereitos humanos e a xustiza. Asemade, pola súa sensibilidade e compromiso coas vítimas do narcotráfico, do terrorismo e das ditaduras, así como a súa loita contra a corrupción na economía e na política, e o seu empeño en dar reparación ás familias da vítimas da represión e da ditadura franquista en España.

- Premio DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS: Outorgado ó programa de educación medioambiental VOZ NATURA, polo seu traballo ó longo dos últimos anos 13 anos, con particular éxito entre a comunidade escolar de Galicia, co obxectivo de protexer e conservar o noso entorno natural, contribuír á consolidación da educación medioambiental nos centros escolares e, dende aí estendela ás familias, ós concellos e ás entidades públicas e privadas, levando a cabo, ó longo deste período, preto de 1500 proxectos, nos que se implicou a máis de 200.000 alumnos.

- Premio TRABALLO DIGNO: Outorgado á Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA), polo seu traballo en prol de melloras nas condicións de traballo dos traballadores e traballadoras do mar, no campo da prevención de riscos e accidentes (guías, congresos, xornadas, actividades divulgativas, cursos de formación, etc.).

- Premio INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA: Outorgado ó historiador Emilio Garrido Moreira, polo seu traballo de investigación "Pablo Iglesias e os seus amigos galegos. Compartindo ilusións cos seus paisanos", que describe o papel desempeñado por Pablo Iglesias no nacemento e posta en marcha das primeiras organizacións socialistas galegas, entre os anos 1892 e 1925.

O acto será público e aberto á cidadanía,  co seguinte Programa:

- APERTURA. Na que intervirán o Presidente da Fundación Luís Tilve, Jesús Mosquera Sueiro; o Secretario Xeral da UGT de Pontevedra, Juan Ramón Vidal Trillo; e o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

- ACTO DE ENTREGA. No que intervirá o Presidente do Xurado, Fernando González Laxe; o Secretario do Xurado, Roxelio Pérez Poza, quen lerá a acta de outorgamento, sendo, deseguido, entregados os galardóns ós respectivos premiados, que farán unha intervención pública.

- CLAUSURA. Na que intervirán os Secretarios Xerais da UGT de Galicia, José Antonio Gómez Gómez, e da UGT de España, Cándido Méndez Rodríguez.

No acto estarán presentes, ademáis do xurado e de tódolos premiados, diversas personalidades do mundo político, sindical e social galego.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España