A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
HISTÓRICO DO MOVEMENTO OBREIRO E DO TRABALLO EN GALICIA:
Presentación

    

A existencia dunha documentación de carácter histórico require a existencia dun arquivo que recolla, coide e clasifique, seguindo as técnicas propias da materia, dita información, co fin de dispor esta ao servizo dos estudosos, historiadores, estudantes e, en fin, de tódalas persoas que o demanden, contribuíndo con elo a un mellor coñecemento da nosa historia.

    Ao tratarse da documentación de sindicatos e movementos sociopolíticos, de tanta importancia como é, por exemplo, a "Unión General de Trabajadores" (U.G.T), que xogou un papel fundamental na historia, non só de Galicia, senón tamén de España, a necesidade de coidar esa documentación é maior, por canto supón un medio de información fundamental para estudar e explicar os movementos sociais que tiveron lugar na nosa comunidade dende finais do século XIX. Sería case que imposible falar desa etapa histórica se non se tivese en conta un feito tan importante da mesma como é o sindicalismo e os movementos sociopolíticos, froito dos cales manaron moitos dos cambios radicais que sufriu a sociedade ao longo da historia contemporánea, así como entender como se chegou á sociedade actual na que vivimos. Por todo isto, o labor do arquivo vai moito máis ala que o de ser un mero almacén de documentación, é un laboratorio da historia social de Galicia.

    Pola súa parte, a Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español, no seu artigo 49.3, di que "Forman igualmente parte del Patrimonio Documental los documentos generados conservados o reunidos en el ejercicio de sus actividades por las entidades y asociaciones de carácter político, sindical o [...] de carácter privado"; o que engloba a documentación da nosa entidade.



Xestión

    

En base a un acordo coa Fundación Francisco Largo Caballero, depositaria do arquivo da UGT, de data 1 de xullo de 1.991, a Fundación Luís Tilve pasa a ser depositaria do Arquivo Histórico e Documental de UGT-Galicia, colaborando coa primeira no estudo sindical e aportándolle información do contido do citado arquivo.

    O arquivo da Fundación Luís Tilve está integrado na Rede de Arquivos de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

    Rede de arquivos de Galicia

http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivos-de-galicia/index.html?lang=es

Director do Arquivo e Biblioteca

    

A dirección do Arquivo Histórico e da Biblioteca Especializada recae nestes momentos en Guillerme Pérez Agulla, licenciado en Historia e Especialista en Arquivística.



Actuacións

    

Dende o nacemento da Fundación un dos principais obxectivos da mesma foi por en marcha o Arquivo, meta que se acadou no ano 1.999, cando se empezou a levar a cabo definitivamente dito proxecto, completado en distintas fases de actuación:

Nunha 1ª fase, levada a cabo por Emilio Garrido Moreira, almacenouse e recolleuse a documentación xerada por UGT-Galicia ou chegada ao sindicato, así como diverso material sociopolítico e sindical proveniente de toda Galicia e incluso de España, facendo unha primeira selección e sinxela clasificación.



  

A 2ª fase consistiu na identificación, clasificación, descrición en fichas e ordenación da documentación almacenada en Rábade (Lugo), en base a un cadro de clasificación orgánico elaborado polo novo Equipo Técnico, dirixido por Guillerme Pérez. Dito material, unha vez gardado nos seus respectivos cartafoles e caixas, foi trasladado a nova sede en Santiago de Compostela e ubicado nun arquivo compacto seguindo un orden de numeración correlativo.





    

Na 3ª fase trasladouse a descrición das fichas físicas ao programa de xestión documental en rede ALBALA, ao cal están vinculados os centros que forman a Rede de Arquivos de Galicia.


    Na actualidade séguese avanzando nos traballos de arquivo, identificando, clasificando e describindo a nova documentación que vai chegando, regularizando as transferencias, incorporando novas series e fondos ao cadro de clasificación e recuperando documentación histórica (a Restauración, a República, a Ditadura, a Transición...) a través de doazóns, cesións e das investigacións que se veñen realizando. Outro dos campos onde a Fundación está realizando un considerábel esforzo é na utilización das novas tecnoloxías, coa instalación dun SGDI (Sistema de Gestión Documental Informatizado) que facilite o uso e conservación da documentación unha vez trasladada a novos formatos.




Servizos

· Información.
· Xestión Documental.
· Consultas e préstamos.
· Formación e asistencia técnica.
· Difusión cultural e educativa.
· Reprografía e dixitalización.
· Biblioteca auxiliar.

    

Para solicitar calquera información ou poñerse en contacto co persoal do arquivo pode dirixirse a: arquivougtgalicia@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 58 54 90.




Horario

    Horario de atención ao público: de 9:30 a 14:00 de luns a venres.

Acceso á documentación
    
    

Os usuarios poderán ter acceso a documentación sempre que sexa por razóns xustificadas, como a investigación. Así o recolle a Lei de Patrimonio Histórico Español no artigo 52.3 onde di que se "habrá de permitir el estudio por los investigadores, previa solicitud razonada de estos". Sen embargo, estará restrinxido o acceso á documentación actual, aínda en vigor e por tanto de carácter privado e persoal, non histórico. A súa vez poderá acceder a documentación sen restrición algunha o persoal da institución xeradora, sempre que o funcionamento da mesma o requira.



Fondos Documentais
    
    

A documentación clasificada ou en fase, que supera actualmente as 2.500 unidades de instalación, distribúese nos seguintes fondos ou coleccións:



· Fondo de UGT-Galicia.
· Fondo PSdeG-PSOE.
· Colección fotográfica.
· Colección de cartelería.
· Fondo audiovisual

Cesións e Doazóns
    
    

Toda doazón ou cesión de material documental será rexistrada e subscrita mediante documento. Ditos documentos levarán expostos no seu respectivo expediente o nome do doante, quen terá dereito ao seu acceso sempre que o solicite, garantíndoselle a conservación e coidado de dita documentación, así como información de calquera uso que se faga coa documentación.

A Fundación agradece encarecidamente toda a axuda e colaboración que se lle poida prestar na consecución dun dos seus principais obxectivos, a recuperación da documentación sindical anterior a Democracia, sexa en orixinal ou copia, e que foi confiscada en moitos casos polas forzas franquistas ou ocultada, dado o seu carácter clandestino, sendo, por tanto de difícil recuperación e localización. Por elo, a Fundación fai unha chamada a todo aquel que posúa documentación de UGT, PSG, PSOE, PSP, USO, ou de calquera outro partido da esquerda socialista ou do movemento obreiro, en casa ou en mans privadas, para que nos facilite a súa copia, adquisición o cesión, evitando así que dito material permaneza escondido, esquecido ou desaparecido, axudando a encher un baleiro histórico e permitindo que se poidan realizar traballos de investigación que recuperen a historia dos movementos sociais en Galicia e a identidade dos homes e mulleres que loitaron polas liberdades democráticas.

Finalmente, a Fundación Luís Tilve quere agradecer as cesións e doazóns xa realizadas por moitos dirixentes sindicais e políticos que contribúen a mellorar o coñecemento do noso pasado.




Coa colaboración da:

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España