A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
BIBLIOTECA ESPECIALIZADA NO MUNDO DO TRABALLO

  

A biblioteca especializada céntrase, fundamentalmente, en títulos e material relacionado coa temática sindical, social, política, laboral e económica, aínda que tamén contén obras doutras materias.

   O fondo está formado por monografías, publicacións periódicas, folletos, carteis, manuais, estudios, informes, material audiovisual e fotográfico, etc., que foron recompilándose dende o ano 1990, contendo tanto material xerado pola propia UGT como por outras institucións ou editoriais.

   A biblioteca da Fundación está integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, e como tal está operativa no proxecto informático do Centro Superior Bibliográfico Galego. Esta rede funciona a través de Internet, sendo a súa páxina de acceso: http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/; nela aparecen todas as bibliotecas galegas que están conectadas por rede co programa MEIGA.


 
    

Dende o enlace que ofrecemos en baixo pódese entrar directamente no catálogo dos fondos da nosa biblioteca, onde aparecerán sempre as últimas 50 incorporacións e pódese realizar calquera consulta ou busca doutros libros dos que ata o momento teñamos rexistrados. A día de hoxe, tralo traballo levado a cabo polos bibliotecarios, temos catalogados na nosa biblioteca máis de 4000 obras, incluíndose novos títulos tódolos días.

    As opcións de busca que nos proporciona o catálogo a través do marxe esquerdo da pantalla, onde di “Buscar información”, son varias: título, autor, materia, serie, CDU, editorial ou ISBN.


 
 
    

A entrada de material bibliográfico é constante, dado o importante labor de intercambios, colaboración e contactos que se manteñen con outras institucións e universidades, ademais de recibir periodicamente un notable número de revistas relacionadas coas temáticas antes citadas. Con isto contribúese de forma considerable coa investigación e o estudio histórico, xa que posúemos material difícil de encontrar noutras bibliotecas de carácter xeral, en especial moitas revistas de carácter interno, sindical ou de pouca tirada.

    A Biblioteca ten como obxectivos fundamentais: apoiar o contido intelectual do arquivo e servir aos investigadores, estudantes e especialmente aos cadros sindicais, ofrecéndolles calquera información relativa ao mundo do traballo que precisen.


 
 
 
 

 


Coa colaboración da:

 

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España