A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
ESTATUTOS:

 

CAPITULO I

Denominación, enderezo e natureza

Artigo 1º

    A FUNDACIÓN LUÍS TILVE, de nacionalidade española, fixa o seu domicilio social e fiscal en: Cruceiro de A Coruña, nº 22 – baixo, con CP. 15705 de Santiago de Compostela (A Coruña). O Padroado ten facultades para traslada-lo enderezo, pero coa obriga de adopta-lo pertinente acordo e presenta-lo, coas formalidades precisas para a súa inscrición, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 2º

    A Fundación “Luís Tilve” é unha institución con carácter deFundación cultural privada, que se constitúe ó abeiro do artigo 34.1 da Constitución Española; rexéndose, en todo caso, polos presentes Estatutos, polo Regulamento de Fundacións Culturais Privadas (Decreto 2930/1972), pola Lei 12/2006, de Fundacións de Interese Galego, aprobada polo Parlamento de Galicia o 1 de decembro de 2006 (DOG, nº 242), e as disposicións dictadas en desenvolvemento das disposicións citadas.

Artigo 3º

    A Fundación Luís Tilve ten personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e de obrar, sen outras limitacións que as establecidas nas leis e nos presentes Estatutos.

Artigo 4º

    O cumprimento do obxecto fundacional e todo canto a el se refire confíase ó padroado sen limitación algunha nas súas actuacións, e sen prexuízo do previsto nestes Estatutos e do establecido, con carácter xeral e obrigatorio, nas disposicións legais aplicables e, dun xeito especial, respecto da presentación da memoria anual e da liquidación do presuposto de cada exercicio económico.

 

CAPITULO II

 Obxecto

Artigo 5º

    A Fundación ten como obxecto e finalidade:

  • Fomenta-lo coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical.
  • Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia.
  • Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe.
  • Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas.
  • Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorece-lo mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas.
  • Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio.
  • Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia.
  • Custodiar, ordenar e mante-la Biblioteca da UGT de Galicia.
  • Facilitar ós estudiantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor.
  • Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora.
  • Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns.
  • Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados.

Artigo 6º

    Para o cumprimento dos seus fins a Fundación desenvolverá, principalmente no ámbito de Galicia, na medida en que o permitan os seus medios económicos e de conformidade cos programas concretos que en cada caso aprobe a Xunta do Padroado, tódalas actividades que estime precisas, e dun xeito especial:

  • Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais.
  • Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social.
  • Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais.
  • Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas.
  • Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional.
  • Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.

 

CAPITULO III

Órganos de goberno

Artigo 7º

    A representación, o goberno e a administración da Fundación están a cargo, de modo exclusivo, do Padroado, sen outras limitacións que as salientadas nas Leis.

Artigo 8ª

    O Padroado é soberano no cumprimento da súa misión sen prexuízo de que o Protectorado exerza as facultades que as Leis lle confiren sobre das Fundacións de interese galego.

Artigo 9º

    O Padroado é titular exclusivo de tódalas facultades e potestades que se precisen en Dereito para o eficaz desenvolvemento do obxecto fundacional. Asemade, interpretará sen limitación algunha, os presentes Estatutos.

Artigo 10º

    No exercicio das máis amplas facultades de representación, goberno, disposición e administración, o Padroado poderá realizar toda clase de actos e negocios xurídicos, sen precisar de máis formalidades especiais, nin autorizacións ou intervencións de autoridades ou persoas alleas a el, que as que veñen regulamentadas polas Leis.

Artigo 11º

  1. O Padroado estará integrado por un mínimo de cinco e un máximo de setenta e cinco membros. O cargo de Membro do Padroado terá unha duración de catro anos, con posibilidades de reelección.
  2. Ademais dos nomeados na Carta Fundacional, accederase a Membro do Padroado, que terá carácter gratuíto, a través da elección na Comisión Executiva da Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia). As vacantes cubriranse polo mesmo procedemento.

Artigo 12º

    O Padroado elixirá de entre os seus membros, cada catro anos, un Presidente e un Secretario, que poderán seren reelixidos.

    Os nomeamentos de Presidente e Secretario deberán seren presentados para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

    O Presidente e o Secretario poderán seren revocados dos seus cargos por acordo do Padroado tomado por maioría absoluta.

    A proposta da Comisión Executiva, o Padroado poderá elixir de entre os seus membros unha Presidencia de Honor, cuxa designación será sometida a ratificación cada catro anos, podendo ser revocada por acordo do Padroado tomado por maioría absoluta.

Artigo 13º

    A condición de Membro do Padroado perderase por renuncia expresa ou por seguir un comportamento público contrario ó obxecto e finalidade pretendidos pola Fundación Luís Tilve, segundo criterio da maioría do propio Padroado.

Artigo 14º

    O Padroado reunirase en Xunta cantas veces sexa convocado polo seu Presidente ou o pidan un tercio dos membros.

    Nos catro primeiros meses de cada ano, xuntarase o Padroado, necesariamente, co obxecto de aproba-la liquidación do Presuposto Ordinario e o balance correspondente ó derradeiro exercicio, así como da memoria das actividades desenvolvidas ó longo do devandito exercicio e da xestión económica, e aproba-lo programa de realizacións e o Presuposto para o ano seguinte.

    As convocatorias teñen que seren feitas polo Presidente con dez días de antelación como mínimo, e nelas precisarase a orde do día das reunións e o lugar, día e hora na que se celebren.

Artigo 15º

    O Padroado estará validamente constituído cando concorran a metade máis un dos seus membros, en primeira convocatoria, e, en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que conste sen lugar a dúbida, que tódolos membros do Padroado foron citados con antelación abondo.

    Os acordos adoptaranse por maioría, agás para a elección do Presidente e/ou do Secretario, na cal será esixible a maioría de dous tercios. En caso de empate, o voto do Presidente será de calidade.

    Para a revogación do Presidente e/ou Secretario estarase ó salientado no artigo 12 dos presentes Estatutos.

Artigo 16º

    Correspóndelle ó Presidente ostenta-la representación pública da Fundación e convocar e presidi-las reunións do Padroado.

    O Secretario, ademais das funcións propias do seu cargo, encargarase expresamente dos asuntos relativos ós servicios de documentación e administración.

Artigo 17º

    Para a execución do programa de realizacións establecida polo Padroado para o cumprimento do obxecto e finalidade da Fundación establécese unha Comisión Executiva formada polo Presidente, o Secretario e tres vocais membros do Padroado, así como os responsables, se é o caso, das seccións que poidan crearse ó abeiro do establecido no artigo 18 destes Estatutos.

    Esta Comisión Executiva actuará como comisión permanente do Padroado, terá tódalas funcións de dirección que non se reserve o Padroado e executará a política fixada por este.

Artigo 18º

    Poderanse crear dentro da Fundación cantas seccións considérense axeitadas para o mellor cumprimento dos seus fins, que poderán telo seu recoñecemento legal propio, e que estarán a cargo dun responsable, designado polo Padroado queformará parte, sexa ou non Membro do Padroado, da Comisión Executiva.

    A creación da sección ou seccións farase a través de acordo do Padroado, a proposta do seu Presidente.

Artigo 19º

    A Comisión Executiva contratará no seu momento, se é o caso, o persoal administrativo indispensable e fixará as súas retribucións.

    Do mesmo xeito, e coas excepcións establecidas nestes Estatutos, a Comisión Executiva poderá contratar o persoal técnico que precise.

 

CAPITULO IV

Beneficiarios da fundación

Artigo 20º

    Poderán ser beneficiarios da Fundación Luís Tilve calquera persoa, natural o xurídica, sen discriminación de ningunha clase.

    Nembargantes, establécese unha preferencia en favor dos traballadores asalariados e das organizacións sindicais.

Artigo 21º

    Cando excepcionalmente a Fundación, previa autorización do Protectorado, esixa ós seus beneficiarios o abono dalgunha cantidade, en ningún caso as devanditas percepcións poderán excederen do custo real do servicio ou prestación.

 

CAPITULO V

Patrimonio e réxime económico

Artigo 22º

    O Patrimonio da Fundación pode estar constituído por toda clase de valores, mobles e inmobles, radicados en calquera lugar, sen outras limitacións que as impostas polas Leis.

Artigo 23º

    O capital e o Patrimonio da Fundación estará constituído:

  • Pola dotación inicial, recollida na escritura fundacional.
  • Por calquera outro ben e dereito que, de agora en diante, adquira a Fundación a título oneroso ou a título gratuíto, de entidades públicas ou privadas e particulares; dun xeito especial subvencións doazóns, herdanzas ou mandas.

    Para poder aceptar herdanzas ou mandas con carga, será precisa a autorización do Protectorado.

Artigo 24º

    Os medios económicos para o logro da finalidade fundacional poderán estar compostos por:

  • Os froitos, rendas, productos e beneficios do capital ou Patrimonio e das actividades que realice a Fundación.
  • Os ingresos derivados da percepción, se é o caso, de cantidades aportadas polos beneficiarios da Fundación, na cantidade que previamente determinen as tarifas aprobadas polo Protectorado.
  • As doazóns “inter vivos”, herdanzas e mandas que reciba, e os demais bens que adquira por calquera título.
  • As subvencións que poida recibir de entes públicos.

Artigo 25º

    Os bens adquiridos por herdanza, mandas, doazóns ou por calquera outro título gratuíto, aplicaranse ou conservaranse, segundo a vontade do transmitinte e as condicións establecidas no título de adquisición.

Artigo 26º

    Para asegura-la garda dos bens que constitúen o Patrimonio da Fundación, observaranse as regras seguintes:

  • Os bens inmobles e dereitos reais inscribiranse no Rexistro da Propiedade a nome da Fundación. Os outros bens susceptibles de inscrición deberán inscribirse nos correspondentes rexistros.
  • Os valores mobiliarios e fondos públicos serán confiados polo Padroado, en réxime de depósito administrativo, a unha entidade bancaria.
  • Os outros bens mobles, os títulos de propiedade, os recibos de depósitos e calquera outro documento acreditativo do dominio, posesión, uso, gozo ou calquera outro dereito de que sexa titular a Fundación, serán confiados polo propio Padroado á persoa en quen delegue.
  • De tódolos bens da Fundación farase un inventario nun Libro de Rexistro que estará a cargo do Padroado.

Artigo 27º

    Se o Padroado da Fundación acordase a percepción dalgunha cantidade dos seus beneficiarios, deberá solicita-la autorización pertinente ó Protectorado da Xunta de Galicia. Para tal fin, o Padroado remitirá ó Protectorado, xuntamente coa petición da aprobación das tarifas dos seus servicios, un estudio xustificativo do cálculo dos mesmos debidamente informado polo órgano de administración competente, de conformidade coa lexislación vixente. As cantidades esixidas ós beneficiarios endexamais excederán da que corresponda ó custo real do servicio.

Artigo 28º

    O Padroado fará para cada exercicio económico un Presuposto Ordinario. No mesmo recolleranse os ingresos e os gastos correntes.

    Nos ingresos abrangueranse todos cantos perciba a Fundación por calquera concepto. Nos gastos mencionaranse por separado os gastos xerais, podendo destinar os excedentes dos ingresos ó incremento do capital da Fundación.

Artigo 29º

    O Padroado fará os Presupostos Extraordinarios que sexan precisos, os cales deberán ser aprobados polo Protectorado da Xunta de Galicia, para os investimentos de primeiro establecemento e as reparacións ou melloras extraordinarias dos bens e instalacións da Fundación.

Artigo 30º

    Os Presupostos da Fundación, tanto ordinarios como extraordinarios, serán sempre nivelados, non excedendo nunca as previsións dos gastos ás dos ingresos.

Artigo 31º

    Os ingresos que por calquera concepto obteña a Fundación serán sempre aplicados ó cumprimento do obxecto fundacional.

    Os gastos xerais ou de administración non poderán exceder, sen autorización do Protectorado a instancias do Padroado, do dez por cento dos ingresos.

    O resto que se obteña, se non se esgotan os límites regulamentados nos apartados anteriores, serán destinados ó medre do capital, previsión de gastos extraordinarios e posible exercicio de actividades industriais ou mercantís da propia Fundación.

Artigo 32º

    Dentro dos catro primeiros meses de cada exercicio económico, o Padroado fará a liquidación do Presuposto Ordinario e do balance correspondente ó exercicio anterior, asemade fará memoria das actividades desenvolvidas ó longo do devandito exercicio e da xestión económica, coas explicacións suficientes para que da súa lectura poida obterse unha representación do cumprimento do obxecto fundacional e da situación patrimonial da Fundación.

 

CAPITULO VI

Réxime interno

Artigo 33º

    O Padroado poderá redactar un regulamento de réxime interno, que concrete e desenvolva os preceptos destes Estatutos.

 

CAPITULO VII

Modificación, fusión e extinción

Artigo 34º

    O Padroado pode promove-la modificación dos presentes Estatutos, sempre que resulte conveniente para o mellor cumprimento do fin fundacional. O acordo de modificación ten que ser adoptado polo voto a favor dos dous tercios dos seus membros.

Artigo 35º

1.    O acordo de modificación comprenderá necesariamente os seguintes termos:

  • Exposición razoada da causa determinante da modificación.
  • Xustificación do requisito establecido no anterior artigo.
  • Contido da modificación, que deberá afastarse o menos posible dos presentes Estatutos.
  • Un estudio económico sobre da viabilidade da modificación e o programa de adaptación das instalación cando proceda.

2.    O protectorado da Xunta de Galicia adoptará o acordo procedente, o cal, se supón aceptación da proposta, inscribirase no Rexistro de Fundacións Culturais Privadas.

Artigo 36º

    O Padroado poderá propoñer, na vez de simple modificación dos Estatutos, a súa fusión con outra fundación. En tal caso, o Expediente tramitarase de conformidade co previsto no artigo anterior, pero sempre a instancia da Fundación que proxecte fusionarse.

Artigo 37º

    A extinción da Fundación procederá:

  • Cando as disposicións da Carta Fundacional ou dos presentes Estatutos sexan revocados, alterados ou modificados por persoa, autoridade ou xurisdicción distinta do Padroado e sen expreso consentimento deste.
  • No caso de que o Estado ou outro organismo, autoridade ou Tribunal, pretenda interferir, diminuír, alterar, modificar, contrariar ou de calquera outro xeito non respectar, observar, cumprir e gardar a vontade fundacional, reflectida nos presentes Estatutos e na escritura fundacional.
  • Se chegado o suposto de que por non ser suficientes os medios de que dispón a Fundación ou calquera outra circunstancia, resultara imposible o cumprimento do obxecto fundacional, agás que de acordo coas previsións destes Estatutos e da Carta Fundacional, o Padroado acordara por maioría dos dous tercios dos seus membros a modificación dos Estatutos ou a fusión con outra Fundación.

Artigo 38º

    O expediente incoado para a extinción da Fundación comprenderá necesariamente:

  • A exposición razoada da causa que o determina.
  • O balance da Fundación.
  • A proposta de nomeamento dos liquidadores, o programa de actuación e o proxecto de distribución dos bens integrantes do Patrimonio da Fundación ou do producto da venda dos mesmos, que se fará libremente polo Padroado dispoñendo do Patrimonio da Fundación como se se tratara de bens propios, aínda cando se deben solicita-las oportunas autorizacións impostas pola Lei e seguindo o procedemento establecido no Regulamento de Fundacións Culturais Privadas.

 

 

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España