A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
PREMIADOS 2009:
PREMIADOS 2009:

" TRABALLO DIGNO: Á Fundación ADCOR, pola súa contribución a mellorar a vida das persoas adultas con discapacidade intelectual e das súas familias, fomentando a integración sociolaboral e a incorporación ao mercado laboral, favorecendo o desenrolo da autonomía persoal e social, incidindo no entorno social e ofrecendo unha atención integral personalizada a este colectivo.

" ACCIÓN SOLIDARIA: Á Fundación Érguete-Integración, pola súa importante labor e contribución á integración sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, tales como exreclusos/as, mulleres con dificultades de inserción sociolaboral, persoas en tratamento de deshabituación, ou parados/as de longa duración, fomentando ao mesmo tempo a súa integración nos municipios de residencia. Esforzos que supoñen a atención de máis de 1.200 persoas ao ano, cunha inserción efectiva de máis dun 30%.

" DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS: Á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, CEMMA, unha ONG ambiental cuxos obxectivos son impulsar o estudo e a investigación dos mamíferos e tartarugas mariñas, fomentando accións que conleven a conservación destas especies e do medio mariño en xeral, así como promover actividades de divulgación e educación ambiental.

" INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA: Á historiadora e xornalista Rosa María López González, polo seu traballo "Las memorias olvidadas, los desheredados de la Guerra Civil Española", que se centra en recuperar unha parte da historia do exilio producido en España, durante e trala Guerra Civil, a través das vivencias dos refuxiados en Francia e das expedicións dos "niños de la guerra", que foron desprazados a outros países para alonxalos da contenda.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España