A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
PREMIADOS 2013:
PREMIO O TRABALLO DIGNO:  outorgado á Federación Galega de Institucións para o Síndrome de Down Galicia, presidida por Delmiro Prieto González, polo esforzo realizado na integración laboral de persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual. A Federación, creada en 1998, agrupa ás asociacións e fundacións que abordan a problemática indicada no ámbito galego e ven desenvolvendo diversas accións que facilitan a vida das persoas con síndrome de Down e/ou con discapacidade intelectual e a súa autonomía persoal. Así mesmo presta todo tipo de apoios ós seus familiares. 
PREMIO ACCIÓN SOLIDARIA: O premio outórgase á Asociación EQUUS ZEBRA, ONG creada en A Coruña no ano 2000 e que, dende entón, ven realizando accións de promoción e integración de persoas e grupos empobrecidos e excluídos, principalmente mozos e adolescentes, colaborando en accións noutros países e desenvolvendo actividades de sensibilización en torno á interculturalidade e os dereitos humanos.  
PREMIO DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS: recaeu no Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, involucrado en proxectos europeos, do cal é Director o Profesor de Psicoloxía Social e Ambiental, Ricardo García Mira, que ven desenvolvendo, dende 1995, un encomiable labor en prol da cultura medio ambiental no ámbito galego, pero tamén no ámbito internacional, en colaboración con universidades de todo o mundo, presidindo a International Association for People-Environment Studies (IAPS), sociedade que agrupa ós principais especialistas de todo o mundo no ámbito do medio ambiente. O xurado valorou especialmente os traballos realizados en torno ó desastre do Prestige, que supoñen unha importante contribución social e medio ambiental na clarificación do que significou este feito e as súas repercusións.
PREMIO DIVULGACIÓN HISTÓRICA:  recalou no documental “O milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval”, pola súa actualidade en relación á problemática deste sector na cidade de Ferrol, pois dá a coñecer ó gran público o desenvolvemento da industria naval en España e especialmente en Ferrol, así como o papel xogado polos estaleiros máis emblemáticos dende o século XVIII ata o século XX, reflectindo a realidade desta industria, que chegou a posibilitar o emprego ata a 12.000 traballadores. No documental, producido por Zaza Ceballos e dirixido por Rogelio Abraldes, colaboraron destacados profesionais, como o profesor Alberto Lozano, o historiador Guillermo Esgribas, o académico da Historia José María Blanco, o enxeñeiro naval José María de Juan-García, o académico correspondente de Belas Artes Juan Antonio Rodríguez o Doutor en Historia Juan Esgribas, o restaurador do Museo Naval de Madrid, Miguel Godoy, e a Bibliotecaria do Museo Naval de Ferrol, Carmela Daviña.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España